Estudantes de Galicia e Portugal debateron en Ourense sobre o futuro da Política Agraria Común

Muíños (Ourense), 14 de xuño 2022.- Arredor de medio cento de estudantes de Galicia e Portugal reuníronse este martes, 14 de xuño, no Complexo Turístico de O Corgo, en Muíños (Ourense), para o acto final de peche do proxecto FunCAP, unha iniciativa liderada pola Fundación Juana de Vega e financiada pola Comisión Europea, que nos últimos meses difundiu entre a xuventude da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal os beneficios que aporta a Política Agraria Común (PAC).

Un total de 15 centros de ensino -7 en Galicia e 8 en Portugal- e máis de 500 estudantes participaron activamente nesta novidosa iniciativa financiada polo Programa de medidas de información no ámbito da política agrícola común (IMCAP). Ademais, impartíronse dous webinars online, con algo máis de 200 inscritos, no que destacados expertos analizaron o presente e o futuro das axudas da PAC tanto en Galicia como en Portugal.

Nesta xornada de peche participaron estudantes e profesores de catro centros de ensino de Portugal (Escola Profissional Agrícola Conde de São Bento, Escola Profissional de Agricultura e Desenvolvimento Rural de Vagos, Escola Profissional do Alto Douro e da Escola Profissional ETAP) e doutras catro escolas galegas (EFA Fonteboa, IES Ortigueira, IES Xelmírez II e do IES de Arzúa).

Na xornada da mañá, os asistentes participaron nunha sesión de “Os Soutos do Norte”, un xogo desenvolvido para este proxecto que dunha forma lúdica ensina como aplicar no día a día dunha gandería ou dunha explotación agrícola os principios da PAC: sustentabilidade medioambiental, produción de alimentos sans e proxectos economicamente viables, na liña do “Pacto Verde Europeo” ou da “Estratexia da Granxa á Mesa”.

Tralo xantar, os estudantes, moitos deles futuros agricultores e gandeiros, realizaron un diálogo enriquecedor con persoas cunha probada experiencia no sector: Beatriz Guimarey, do Service Point da EIP-Agri; Elena Piñeiro, presidenta da Asociación de Asesores Rurais de Galicia; Isabelle Gómez, unha das fundadoras de Traloagro, gandería en ecolóxico que tamén transforma e comercializa a súa produción, Pedro Rei, presidente da Associação de Jovens Agricultores de Portugal e Isabel López, especialista en emprendemento da Fundación Juana de Vega.

Valoración “moi positiva” dos resultados do proxecto FunCAP

O peche institucional correu a cargo de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega, quen valorou como “moi positivos” os resultados do proxecto. “Estamos moi satisfeitos porque logramos achegar a Política Agrícola Común à xuventude, especialmente à mocidade que se está formando na rama agrícola e gandeira, de Galicia e Norte de Portugal, onde temos moitos puntos en común tamén no sector primario”, subliñou.

 

@EUAgri #IMCAP

Contacto para medios: (0034) 690 100 430

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on email