Estes serán os cambios nas axudas da PAC en Galicia a partir de 2023

Da man de Edelmiro López, experto en política agraria, analizamos os cambios que traerá a nova política agraria europea para os produtores galegos. A incorporación de novos requisitos na condicionalidade, a axuda redistributiva, as novas rexións para a axuda básica ou os eco-réximes figuran entre as modificacións máis significativas

A nova Política Agraria Común (PAC), que se aplicará dende 2023 e ata o 2027, traerá certos cambios para os produtores galegos. O profesor de Economía Aplicada na Universidade de Santiago de Compostela e un dos maiores expertos en política agraria, Edelmiro López, detallou os principais cambios que suporá a nova PAC en Galicia no webinar organizado recentemente polo proxecto divulgativo FunCAP, coordinado pola Fundación Juana de Vega.

“A PAC e en conxunto as políticas da Unión Europea, xogan un triplo papel no sector agrario e no medio rural de Galicia”, indica o experto. Será nestes eixos nos que se poidan apreciar cambios nos próximos anos coas novas políticas. En primeiro lugar, a PAC establece os mecanismos de regulación dos mercados agrarios na UE, unha regulación presidida nas dúas últimas décadas pola crecente liberalización e na que non cabe prever novidades relevantes no período 2023-2027. En segundo lugar, a PAC aporta un complemento da renda das explotacións agrarias, tanto coas axudas do primeiro piar (financiadas polo Feaga) como cos pagos anuais do segundo piar (axudas a zonas con limitacións naturais, agroambientais… cofinanciadas polo Feader). Finalmente, os recursos do segundo piar da PAC (e tamén doutros fondos europeos, como o FEDER) serven como apoio ós investimentos no sector agrario e no medio rural. A isto hai que engadir nos anos 2021-2024 o financiamento que poda chegar dos fondos Next Generation.

No período 2021-27 aos recursos da PAC sumaranse os que podan obterse  dos fondos Next Generation

Canto pode percibir Galicia das axudas directas da PAC en comparación co resto de rexións españolas?

Á hora de determinar o impacto da PAC en Galicia, o experto incide na necesidade de contextualizar as achegas que percibe a comunidade das axudas europeas en comparación co resto de España. “As axudas directas son un complemento relevante para a explotacións galegas, pero que cómpre relativizar”, sinala Edelmiro López.

Galicia é das comunidades que menos depende das subvencións da PAC. As axudas europeas representan menos dun 12% da renda agraria das explotacións galegas

Así, as subvencións europeas representan en Galicia menos dun 12% da renda agraria, mentres que noutros territorios chegan a supoñer máis do 30% dos ingresos agrarios. “Galicia é das comunidades que menos depende das subvencións da PAC, o que tamén indica que o xeito no que se foron configurando as axudas da PAC nas últimas décadas, tanto o seu deseño a nivel europeo como a aplicación en España, non foi precisamentefavorable para as nosas explotacións”, concreta López.

Peso relativo das subvencións na produción e na renda agraria no 2019 nas distintas comunidades de España

Esa situación derívase en boa medida de que Galicia parte dun reducido volume de superficies con axudas da PAC en comparación con outras rexións españolas. Así, a superficie agraria útil (SAU) coa que conta a comunidade galega representa só o 21% do territorio, mentres que en España esa porcentaxe é máis do duplo (46,5%) e en comunidades como Estremadura, Castela A Mancha, Castela e León ou Andalucía supera o 50%.

Ademais, a terra agraria con dereitos a recibir axudas da PAC en Galicia supón só o 58,5% da xa reducida SAU, mentres que a media española é do 80%. “O problema que supón que só teñamos 1/5 do territorio aproveitado para cultivos e pastos vese agravado polo feito de que boa parte desas terras non contan con axudas da PAC. Haberá que ver se as ferramentas que se activaron nos últimos anos, como a Lei de recuperación da terra agraria, serven para contar con maior superficie agraria útil e e que esta acceda a dereitos a percibir a PAC. Corrixir esta desigualdade é unha necesidade e debe ser un obxectivo básico a curto e medio prazo”, reivindica López.

Superficie con dereitos de pago básico, SAU total e superficie xeográfica. Datos por CC.AA. 2016-18

Cantos cartos das axudas da PAC chegarán a Galicia nos próximos anos?

En canto ó impacto a nivel económico que vai ter a PAC en Galicia neste novo período, e pese que López recoñece que é complexo facer unha previsión, estímase que se manteña o volume de axudas que chegan ás explotacións galegas, pero cunha certa redistribución interna entre explotacións, orientacións produtivas e comarcas dentro de Galicia.

“Manteranse ou mesmo pode haber un incremento moderado do volume total das axudas que chegan ás explotacións galegas, grazas ó aumento das axudas asociadas ás ganderías de vacún de leite, ó saldo favorable do pago redistributivo e as melloras logradas no deseño dos eco-réximes”, sinala López.

Cales son os principais cambios nas axudas directas da PAC?

Neste aspecto, Edelmiro López destaca de entrada que “o deseño das axudas directas do primeiro piar para o período 2023-2027 estivo en España moi lastrado polo desexo de manter o status quo no reparto dos fondos, entre territorios e entre explotacións”. Como exemplos menciona a definición de “agricultor activo” (quen vai poder recibir axudas), a forma na que se vai aplicar o pago redistributivo (dentro de cada “rexión PAC” e non a nivel español) ou a aplicación do capping e a degresividade (o recorte das axudas ás maiores explotacións). Aspectos, todos eles, nos que a introdución de cambios máis ambiciosos terían sido beneficiosos para Galicia.

En canto ás novidades que suporá a nova PAC 2023-27 nas axudas directas ós agricultores aprécianse tres cambios significativos:

  • As axudas correspondentes ata o de agora ao Pago Verde e ao Pago Básico vanse refundir nun único pago denominado Axuda Básica á Renda para a Sostibilidade (ABRS). Isto implica que para cobrar a axuda básica vai ser preciso cumprir os actuais requisitos do Pago Verde, que se incorporan á “condicionalidade reforzada” que deben cumprir todas as explotacións. Ademais, para a aplicación da axuda básica en España establécese un novo mapa con 20 rexións, fronte ás 50 actuais, e seguirase avanzando na converxencia das axudas dentro que cada rexión.
  • Outra das novidades é a axuda redistributiva. Esta medida xa existía no período anterior da PAC, pero España decidira non aplicala. No período 2023-2027 pasa a ser de aplicación obrigatoria na normativa europea, polo que si se vai poñer en marcha; se ben no caso español a redistribución farase só dentro de cada unha das 20 “rexións PAC” e priorizando máis as medianas explotacións que as máis pequenas.
  • Os eco-réximes, chamados inicialmente eco-esquemas, son a gran novidade deste novo período da PAC. Das 7 prácticas que se deseñaron en España, son 4 as de maior relevancia potencial en Galicia: pastoreo extensivo, sega sostible e marxes sen segar en terras de pastos, rotacións de cultivos e espazos de biodiversidade en superficies de labradío.

Con todo as principais incógnitas que presenta esta nova PAC para Galicia veñen da man da resposta que fagan as explotacións ós eco-réximes deseñados. Así como a incorporación de novas superficies con dereitos de axuda a través da Reserva Nacional da axuda básica, unha cuestión vinculada á nova Lei de Recuperación da Terra agraria de Galicia.

Que modificacións haberá nas medidas de desenvolvemento rural da PAC?

Outra das vías de financiamento da PAC son as medidas de desenvolvemento rural. Un dos cambios que se producirán neste ámbito é a desaparición dos Programas de Desenvolvemento Rural de cada Comunidade Autónoma, ao incluírse o seu contido dentro do Plan Estratéxico da PAC de España. Aínda que as medidas serán deseñadas e xestionadas igualmente por cada rexión.

En canto ós fondos Feader, España contará no conxunto do período 2021-2027 cun volume global de fondos similar ó do período 2014-2020 e Galicia recibirá nesta nova etapa unha cantidade semellante ou mesmo lixeiramente superior ó que viña percibindo. En concreto, Galicia recibirá de fondos Feader para o período 2021-27, incluídos os fondos Next Generation da Unión Europea para os anos 2021-2022, un total de 913.404.185 euros, o que supón un incremento do 2,7% con respecto do manexado no período anterior, no que se recibiron un total de 889.800.000 euros.

Porén, variarán as taxas máximas de co-financiamento europea. “En Galicia a redución desa taxa suporá pasar para a maioría das medidas do 75% ó 60%. A consecuencia será o incremento do co-financiamento aportado pola Administración Central e a Xunta de Galicia, é dicir un incremento do gasto público total”, explica. Concretamente, o gasto público total para medidas de desenvolvemento rural vai ascender en Galicia no período 2021-2027 a 1.282,6 millóns de euros (un 8,1% máis que no período 2014-2020); repartidos entre a dotación para o período transitorio 2021-22 (420,1 millóns) e a dispoñible para os anos 2023-27 (862,5 millóns).

Fondos dispoñibles para medidas de desenvolvemento rural en Galicia nos períodos 2014-2020 e 2021-207 (en euros)

A que se dedicarán os fondos de desenvolvemento rural en Galicia?

En canto ás intervencións financiadas polo Feader en Galicia para este novo período da PAC, deseñadas pola Consellería de Medio Rural dentro do marco acordado co Ministerio de Agricultura, recóllense as seguintes novidades:

  • Nas liñas de axudas agroambientais incorporaranse novas liñas e aumentaranse os fondos. “Van supoñer novas oportunidades. Propóñense liñas para pequenas explotacións de horta que comercialicen directamente os seus produtos, así como para viñedo en pendente ou plantacións de froiteiras ou variedades de cereais autóctonas.”
  • Proporcionarase apoio a novos agricultores, ademais das axudas pensadas para os produtores mozos. Esta liña está pensada para produtores a partir de 40 e ata 55 anos.
  • Incorporarán instrumentos financeiros, xunto coas subvencións, nos mecanismos de apoio a investimentos.
  • Proponse un maior uso das medidas de cooperación.
  • Novo deseño das medidas relativas a formación, asesoramento e innovación. “Agárdase que se leve a cabo un reforzo do asesoramento público apoiado nas Oficinas Agrarias Comarcais”, valora López Iglesias.

“Globalmente a nova PAC vai incrementar as esixencias para os produtores, pero sen proporcionar dende Europa unha dotación de fondos suficiente para asumir estes novos requisitos a nivel medioambiental. Galicia, polas súas condicións ten moito a gañar nunha evolución a longo- medio prazo cara unha produción máis sostible, pero a curto prazo supón un desafío para os produtores”, explica López.

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on email