Marca a PAC o compás na formación e as investigación agrícolas?

Analizamos a interacción das Políticas Agrarias Comúns coa investigación agrícola, a docencia e a formación en Portugal. Temáticas como a adaptación ao cambio climático ou a xestión sostible dos recursos son algúns dos eixos prioritarios para os estudos e que chegan desde Europa

A achega económica e as esixencias para poder acceder a estas axudas son a cara máis visible nas políticas agrarias europeas, pero as directrices marcadas desde Europa chegan aos países membros, como Portugal, tamén a través doutras vías, como a formación e a investigación.

“As políticas europeas en xeral, a PAC en particular, en liña cos grandes desafíos do desenvolvemento sostible, teñen influencia na formación agrícola, especialmente na ensinanza superior, tanto no deseño dalgunhas ofertas formativas, como na introdución de contidos específicos nas ofertas existentes”, explica Artur Cristovão, profesor catedrático do Departamento de Economía, Socioloxía e Xestión da Universidad de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD).

Europa está a se centrar en cuestións como o cambio climático, a xestión sostible dos recursos e a transición a unha produción máis sostible, temas que se foron incluíndo na formación agraria en Portugal

Algunhas das temáticas nas que se está a poñer o foco nos últimos anos desde Europa son as alteracións climáticas, a xestión sostible dos recursos naturais, os procesos de transición para formas de agricultura sostibles, así como a agricultura biolóxica e agroecolóxica, ou a competitividade da produción agrícola. Estas cuestións foron introducíndose na formación agraria e gandeira portuguesa e son tamén os eixos sobre os que se están desenvolvendo distintas investigacións nestes ámbitos, ao igual que ocorre noutros estados membros de Europa como España.

Investigación e formación agraria en Portugal

Estas cuestións, prioritarias para Europa en materia agraria, tamén están na axenda de preocupacións en centros de referencia lusos como a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro. No caso deste centro educativo de referencia, este tipo de cuestións están á orde do día, xa que se trata dunha institución situada nunha rexión onde a agricultura asume gran importancia, cunha historia fortemente conectada coas Ciencias Agrarias, ao ter un campus xestionado con preocupacións claras de sostibilidade.

Así, na área das Ciencias Agrarias deste centro existen ofertas de formación influenciadas polas preocupacións actuais, como o programa de doutorado en “Cadeas de Produción Agrícola – do campo á mesa”, fortemente conectado coas liñas de investigación multidisciplinares do Centro de Investigación en Tecnoloxías Agroambientais e Biolóxicas (CITAB). Outro exemplo está na área das Ciencias Sociais co Doutorado en “Agronegocio e Sostibilidade”, que ten por obxectivo principal a busca de coñecemento para anticipar, comprender e responder aos desafíos cos que as cadeas agroforestais e alimentarias se atopan, encadrados nos tres dominios estratéxicos actuais de crecemento sostible, intelixente e inclusivo, conectado á investigación desenvolvida polo Centro de Estudos Interdisciplinais para o Desenvolvemento (CETRAD).

Á marxe destes traballos, as políticas agrarias europeas teñen determinado outros proxectos de investigación neste centro. “Os obxectivos e prioridades da PAC condicionaron, ou serviron de encadramento, para a estruturación de proxectos de investigación en múltiples áreas”, detalla Artur Cristovão. Así, inclúense desde traballos conectados á calidade dos produtos agrícolas e alimentación saudable, ao estudo da adaptación dos cultivos ao cambio climático, á xestión integrada dos montes e dos lumes forestais, ao desenvolvemento de cadeas de valor de producións específicas (como a castaña e os produtos comercializados baixo selos diferenciados como as Denominacóns de Orixe Protexida (DOP) ou as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP), así como a conservación de variedades e razas tradicionais (por exemplo, as razas autóctonas de bovino).

“A relación entre a PAC e as liñas de investigación e experimentación é clara cando miramos para as axendas e proxectos dos Grupos Operativos, que están orientados a acadar os obxectivos e prioridades de Desenvolvemento Rural, nas áreas temáticas consideradas prioritarias polo respectivo sector, con miras á produtividade e sostibilidade agrícolas, conforma á Asociación Europea de Innovación para a Produtividade e Sostibilidade Agrícola”, especifica o investigador Artur Cristóvão.

A PAC e a docencia

Do mesmo xeito que ocorre na investigación, as políticas agrarias europeas determinan en gran medida os contidos formativos. “A PAC abórdase nos programas dos cursos de Ciencias Agrarias e constitúe un telón de fondo importante do traballo dos docentes, tanto na ensinanza como na investigación”, apunta Cristovão.

Estando a docencia cada vez máis vinculada coa investigación, a presenza das grandes temáticas da PAC no ámbito educativo foi en aumento, especialmente en cuestións como a produtividade, a eficiencia e a sostibilidade do sector agrario, da creación de valor nas cadeas do sector agroalimentario, da utilización sostible dos recursos naturais e da valorización dos territorios rurais. “As políticas europeas en xeral e respectivas prioridades, e a PAC en particular, asumiron unha importancia fundamental no establecemento de liñas de investigación e na formulación de proxectos”, concreta o investigador.

Os desafíos

Á marxe da influencia de Europa na elección das temáticas agrarias sobre as que traballar, Cristovão alerta ademais de que en Portugal hai un problema de organización e de estratexia de investigación agraria, así como de acceso dos agricultores en xeral, e particularmente dos pequenos e medianos, ao coñecemento. “O acceso ao coñecemento e á innovación é esencial para o desempeño económico e ambiental dos sistemas agrícolas. Con todo, en Portugal hai varios condicionantes que limitan este acceso e que deberían ser obxecto de especial preocupación no debuxo das políticas conducentes ao desenvolvemento daqueles sistemas”, valora Cristovão.

As investigacións sobre as variacións climáticas no Mediterráneo e a pobreza dos solos lusos son aínda escasas pese a ser temáticas determinantes para a agricultura portuguesa.

Para o investigador luso, as alteracións do clima Mediterráneo, moi influente no país, e a pobreza da maioría dos solos, son factores importantes para explicar a situación da agricultura portuguesa e sobre os que debería investigarse en maior medida. “A produción de coñecemento que, de feito, contribúa a resolver estes problemas é escasa, a miúdo desconectada dos problemas centrais da agricultura lusa e, sobre todo, sen unha visión a medio prazo”, argumenta.

A falta de cotas experimentais a longo prazo, distribuídas no territorio e respresentativas dos principais sistemas practicados, evidencia as dificultades para que a investigación aplicada poida desenvolverse dunha forma continuada e sistemática.

Por outro lado, tal e como sinala Cristovão, Portugal conta con diversidade de modelos agrícolas que constitúen exemplos de adaptación dos agricultores a diversas condicións edafoclimáticas e a diferentes estruturas agrarias e contextos socioeconómicos. Neste marco, faise máis importante contar con traballos de investigación adaptados a estes modelos e realidades.

Así, aínda que a influencia das políticas agrarias europeas nas investigacións e docencia portuguesa foi positiva ao introducir algunhas das preocupacións máis destacadas, Cristovão incide na importancia de manter unha visión máis próxima ao territorio. “É unha condición necesaria para que as políticas a decidir e a implementar no ámbito da PAC sexan económica e socialmente exitosas, a existencia previa dun correcto diagnóstico dos principais problemas específicos das agriculturas e dos territorios subnacionais do continente portugués, pois a xustificación do interese público das medidas da política agrícola pasa pola resolución e/ou mitigación destes problemas”, apunta o investigador.

Os grandes desafíos que se lle presentan á investigación agraria en Portugal pasan por ter presente unha relación máis sistemática coa PAC no interior das institucións de ensinanza e investigación, con miras a definir estratexias e axendas de traballo. Por outro lado, Cristovão tamén sinala que a importancia de promover unha conciliación inclusiva e produtiva entre as institucións do sistema e os actores conectados ao sector (institucións públicas, organizacións de produtores, etc.), que dea orixe a proxectos articulados e estruturais que contemplen as diferentes estruturas agrarias e contextos socioeconómicos e os principais problemas específicos das agriculturas e territorios lusos.

Artigo publicado orixinalmente en Voz do Campo.

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on email