Analizamos o impacto que as políticas agrícolas europeas tiveron na agricultura familiar portuguesa e as expectativas que existen en Portugal en relación coa nova PAC 2023-27 para apoiar este modelo agrícola.
Portugal é un país de sistemas agrícolas diversificados, que van desde as explotacións agrícolas de gran escala e de gran rotación, ata a agricultura tradicional de base familiar. O profesor Francisco Cordovil, profundo coñecedor da realidade agrícola e rural portugusa, nun libro recente sobre Agricultura e Política Agrícola, apunta á existencia de catro tipos de agricultura: agricultura agroindustrial, agricultura de gran escala con base territorial, a pequena e mediana agricultura familiar inserida nos mercados e a pequena agricultura familiar (tamén coñecida como agricultura de subsistencia ou de proximidade).
A nova Política Agrícola Común (PAC 2023-27), que se encontra en proceso de estudo e formalización por parte dos Estados Membros para a posterior implementación, enfronta unha vez máis o desafío de garantir a supervivencia das explotacións familiares, dado o seu papel significativo na estruturación do territorio e como instrumento indispensable para manter viva a paisaxe rural.
A pesar da importancia deste modelo familiar para o territorio, historicamente estas explotacións familiares foron prexudicadas na distribución dos fondos europeos. “Os diferentes modelos de agricultura son todos importantes, pero as explotacións familiares foron claramente subestimadas e apoiadas en menor medida polos instrumentos da Política Agrícola Común”, di Artur Cristóvão, profesor da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.
Tanto a viticultura como a fruticultura foron dous dos campos nos que a PAC contribuiu directamente á conservación deste modelo familiar que aínda sobrevive en Portugal. Os investimentos con fondos europeos fixeron posible modernizar e apoiar ambos sectores para que puidesen seguir supoñendo un modo de vida competitivo para moitas familias. Mentres tanto, como salienta o profesor Artur Cristovão, “non podemos ignorar os aspectos altamente negativos das políticas agrícolas europeas en relación coa agricultura familiar. A falta de equidade entre explotacións agrícolas, territorios e agricultures ten sido moi penalizante para a pequena e mediana agricultura familiar en Portugal nos últimos anos”.
Agricultura familiar e a PAC
En Portugal, a agricultura familiar foi deixada de lado mesmo co apoio da PAC, o que podería ter sido unha forma de garantir a súa supervivencia.
En xeral, en Portugal (continente) cerca de 4 de cada 10 explotacións agrícolas non reciben ningún apoio da PAC. Considerando os pagos directos aos agricultores, que corresponden a un 48% do gasto público da PAC, o 2% dos beneficiarios reciben máis dun terzo do total, e as pequenas explotacións, que supoñen perto do 90% dos beneficiarios, reciben menos dun terzo. “Temos unha situación de gran exclusión e gran desigualdade entre os agricultores”, recoñece o profesor.
A nova PAC en Portugal ten como obxectivo apoiar a agricultura familiar e unha distribución territorial máis equilibrada das axudas.
Outro dos problemas que vén de lonxe no noso país son as axudas da PAC e a desigualdade territorial dos pagos. Como tamén salienta o profesor Francisco Cordovil, existe unha clara falta de equidade territorial na distribución dos pagos directos. Así, en 2018, o 50% dos fondos recibidos no país luso foron para o Alentejo, unha área onde predominan o agronegocio e a agricultura de gran escala e de base territorial. Ao mesmo tempo, nese ano só o 15,7% dos fondos acabaron no Entre Douro, Minho e Beira Litoral, lugares onde prevalece a pequena e mediana agricultura familiar inserida nos mercados e a pequena agricultura familiar.
Nova PAC, novas oportunidades
A nova PAC, que ainda ten que ser tramitada e adaptada á realdiade de cada Estado membro, pode converterse nunha oportunidade para favorecer as explotacións familiares. “A PAC pode ser un instrumento útil, pero hai que tomar decisións políticas apropiadas a nivel de cada Estado membro para axudar a corrixir as diferenzas e as exclusións”, di o profesor Artur Cristóvão.
Con todo, para acadar ese obxectivo e así apoiar a agricultura familiar, como sinala o mesmo, “ese camiño non se pode facer sen reducir a influencia e o poder dos grandes beneficiarios do apio da PAC na burocracia estatal, e sen aumentar a transparencia nos procesos de negociación e de toma de decisións”.
O Ministerio de Agricultura portugués destaca o papel da pequena e mediana agricultura, así como o da agricultura familiar, como esenciais para a cohesión territorial e para a ocupación de territorios vulnerables: Artur Cristóvão, profesor na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro
Así, aínda que a nova PAC é unha nova oportunidade, hai un número significativo de decisións a nivel nacional que poden condicionar a súa implementación e o seu éxito na preservación e reforzo da agricultura familiar. Como sinala Artur Cristóvão, precísanse diagnósticos máis precisos e políticas negociadas cos socios da agricultura familiar, como son as súas Confederacións.
No Manifesto em Defesa da Sustentabilidade da Agricultura Portuguesa presentáronse algúns cambios para fomentar a continuidade das explotacións agrícolas familiares. O documento defende a importancia dos principios básicos na negociación do Plan Estratéxico para a agricultura portuguesa coa Comisión Europea. Neste sentido, unha das prioridades é promover unha distribución máis equilibrada dos fondos entre agricultures, cultivos e políticas, facendo mellor uso dos instrumetnos existentes e reforzando o desenvolvemento rural.
Outra prioridade é asegurar estruturas de apoio aos agricultores na preparación das candidaturas e fornecer asistencia técnica adecuada. Indica tamén que as cláusulas asociadas ao medio ambiente, á eficiencia de recursos e ao clima e desenvolvemento local, en particular a produción ecolóxica, a produción integrada e cadeas curtas e mercados locais, precisan de ser significativamente reforzadas en comparación co actual Programa de Desenvolvemento Rural.
En definitiva, como afirma o Manifesto, é necesario “aproveitar a maior liberdade da cción prevista na PAC para acadar unha maior ambición e realismo nos instrumentos de remuneración de servizos ecosistémicos, con contratos máis a longo prazo que promovan o cambio en liña cos obxectivos da política ambiental e outras políticas sectoriais”.
Pola súa parte, a ministra de agricultura, Maria do Céu Antunes, salienta o papel da pequena e mediana agricultura, así como da agricultura familiar, como fundamentais para a cohesión territorial e para a ocupación de territorios vulnerables. Unha das liñas de apoio previstas polo Ministerio no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 son as medidas de incentivo á incorporación dos mozos/as no sector, así como a renovación e o apoio aos pequenos investimentos nas explotacións agrícolas e a discriminación positiva a favor das explotacións familiares na concesión de axudas.
Artigo publicado orixinalmente en Voz do Campo