A función agroambiental das ganderías extensivas na nova PAC

As novas Políticas Agrarias Comúns poden converterse nunha oportunidade para aproveitar as vantaxes que ofrecen as ganderías extensivas en cuestións como a prevención de lumes. A achega que se reciba para fomentar estas prácticas será determinante

En rexións coma Galicia, a gandería extensiva, tanto de vacún de carne, como de ovino ou caprino, vincúlase directamente con ganderías de carácter familiar e vencelladas ó territorio. Máis alá da vertebración e as garantías que ofrecen para manter vivo o rural, este tipo de ganderías teñen tamén unha importante función agroambiental, como motores para a conservación de pastos e a prevención de lumes.

A nova Política Agraria Común para 2023-27, en fase de tramitación, pode ser unha oportunidade para apoiar este tipo de ganderías e con elas fomentar estes beneficios para o rural, ó converterse en ferramentas claves contra os incendios forestais, ó reducir a biomasa e contribuír así á prevención dos lumes.

A gandería extensiva nos Obxectivos Estratéxicos da nova PAC

Na versión inicial do Plan Estratéxico das novas Políticas Agrarias Comúns (PEPAC), presentado polo Ministerio de Agricultura a finais de novembro de 2021, apúntase a necesidade de fomentar e apoiar este tipo de ganderías nalgúns dos Obxectivos Estratéxicos (OE) fixados. O documento recolle a importancia deste modelo de ganderías como eixos para favorecer o mantemento do mundo rural, pero tamén incide na súa aportación para mellorar a biodiversidade da paisaxe ou mesmo como unha das vías para incrementar a competitividade das ganderías ó poder reducirse a dependencia de insumos externos.

Así, no OE2, que procura incrementar a competitividade dos produtos do agro español, sinálase á gandería extensiva como unha das vías para logralo. “O apoio á gandería extensiva a través dunha práctica beneficiosa para o medio ambiente (Eco réximes), favorecerá o mantemento dos pastos e polo tanto a posibilidade de proporcionar bens públicos e produción en base a recursos propios”, recolle ou documento. Deste xeito, a gandería extensiva é unha dás vías para reducir a dependencia exterior en canto a materias primas destinadas á alimentación animal.

A gandería extensiva é tamén unha das ferramentas para desenvolver o Obxectivo Estratéxico 5 do Plan estatal, baseado en promover o desenvolvemento e a xestión eficiente dos recursos naturais tales como a auga, o solo e o aire. Con este fin, a gandería extensiva e o pastoreo son aliados para facer fronte aos lumes forestais. Ademais, este tipo de ganderías representan unha oportunidade dado o alto marxe de incremento tanto en extensivo como en ecolóxico que aínda existe e a elevada demanda que están a ter os produtos obtidos baixo estes modelos. O apoio ás ganderías extensivas, como se inclúe no OE8, é fundamental para procurar o desenvolvemento das zonas rurais.

A protección da biodiversidade centra o Obxectivo Estratéxico 6 do Plan estatal para a nova PAC e, de novo, as ganderías extensivas, son unha das vías para manter a biodiversidade agroforestal. O propio documento recolle a importancia de fomentar os sistemas de produción sostibles ambientalmente, como as ganderías en extensivo e ecolóxico, para conservar a biodiversidade.

O orzamento, imprescindible

As novas liñas agroambientais, aínda por concretar, son as únicas axudas que se agarda que vaian apoiar especificamente ás prácticas ecolóxicas e ás ganderías extensivas, aínda que tampouco se espera un incremento das partidas con respecto do que se viña recibindo nos últimos anos. Dende colectivos como a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes (SGPF) inciden na importancia de que os esforzos por apoiar ás ganderías extensivas, dado o seu impacto positivo no medio que recollen os obxectivos específicos do PEPAC, se traduzan en apoios reais con partidas económicas e medidas que favorezan a continuidade deste modelo de ganderías. “A eficacia das políticas demostrarase coas partidas reais que destinen para apoiar á gandería extensiva e coa achega por hectárea que poidan recibir as ganderías. Non se está poñendo o foco aínda en especificar esas cantidades”, apunta Joan Alibés, presidente da entidade.

Dende a SGPF tamén sinalan como prioritario para a nova PAC afrontar cuestións como a admisión dos pastos arbustivos, primordiais non só para este tipo de ganderías senón para lograr un dos beneficios directos que supón este modelo: a redución de riscos de incendios forestais. “Hai que primar as superficies de mato para que se pastoree nelas. Nas pradeiras non hai risco de lume, onde hai que actuar é no monte e para iso deben contemplarse os pastos arbustivos nas axudas da nova PAC”, reivindican.

A incorporación dos pastos arbustivos, as axudas á transformación de novos pasteiros ou da convivencia do lobo son algunhas das medidas que sinalan dende o sector para apoiar ás ganderías extensivas coa nova PAC

Tendo en conta que as ganderías extensivas, tanto de vacún como de ovino e caprino, son tamén unha das vías para fomentar as pradeiras biodiversas, sobre todo en zonas de montaña, servindo ó mesmo tempo estas como métodos para reducir o risco de incendios e aliados para frear o avance dos lumes, dende o sector tamén inciden na importancia de activar achegas a través da PAC que contribúan a levar a cabo estas transformacións que supoñen importantes desembolsos económicos na gandería. “As aportacións que se viñan recibindo en Galicia non chegan a cubrir nin o 20% dos gastos que pode supoñer a tranformación do monte en novos pasteiros”, detalla Alibés.

Por iso, unha das vías da nova PAC para contribuir a fomentar os beneficios agroambientais que proporciona a gandería extensiva pasa por favorecer a incorporación de novos pasteiros permanentes en zonas de monte. De ahí que dende a SGPF incidan nas axudas para a transformación destas zonas de monte ou os desbroces que permitan ese pastoreo.

Mentres, noutros países estanse a activar axudas específicas para a gandería extensiva derivadas da súa función para a conservación da biodiversidade, como ocorre en Francia coa liña de axudas dentro da PAC para a convivencia das ganderías con especies salvaxes como o lobo. Os gandeiros optan a recibir axudas que permitan unha convivencia do gando en extensivo máis alá das medidas como os peches ou a adquisicións de cans de garda do rabaño, que como levan insistindo dende distintos colectivos de gandeiros de vacún, ovino e caprino son insuficientes para garantir a continuidade destas ganderías en extensivo se teñen que facer fronte á presión da fauna salvaxe e ás baixas derivadas.

No país galo estas liñas de axuda da PAC específicas para a convivencia da gandería con especies como o lobo están a cubrir cuestións que afectan directamente ó gasto das ganderías como o incremento de tempo de xestión e vixilancia do gando que supón a presenza do animal na zona, así como as perdas de gando que non se poden cuantificar.

Artigo publicado orixinalmente en Campo Galego.

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on email