Analizamos a evolución do sector lácteo en Portugal e a importancia das axudas da PAC no seu desenvolvemento
O sector lácteo é, xunto co vitivinícola, o principal motor económico do sector primario na rexión Norte de Portugal. No conxunto do país, representa o 12% da produción final agraria e xera 11.500 postos de traballo.
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística portugués, en 2021 había 7840 gandarías de vacún de leite, ocupando o primeiro posto as illas Azores, con 3542 granxas e 206.174 vacas de leite. En Portugal continental, a rexión máis especializada na produción láctea é o Norte, con 2355 explotacións e 176.452 animais, seguida por Alentejo, con 494 granxas e 116.627 animais.
Durante as últimas décadas, o sector produtor experimentou unha profunda reestruturación: segundo datos do INE, desde 1989 desapareceron case 100.000 explotacións e o número de vacas de leite tamén experimentou unha caída de máis de 140.000 animais.
Con todo, ao mesmo tempo a produción de leite en Portugal duplicouse, pasando das 970.000 toneladas en 1980 a algo máis de 2 millóns de toneladas producidas o pasado 2021. Como tamén aconteceu en Galicia, esta reestruturación foi acompañada dun incremento do tamaño das granxas (de 4 vacas de media en 1989 a 34 en 2013) e tamén dun notable incremento do rendemento por vaca.
Para lograr unha mellora da eficiencia foi clave a modernización das explotacións lácteas coa construción de aloxamentos gandeiros que permitiron un maior benestar animal, salas de muxido que melloraron a rapidez do proceso ou maquinaria agrícola que axudou a un mellor aproveitamento da superficie agrícola para o cultivo de forraxes. E esta enorme inversión realizada contou en moitos casos coas axudas da Política Agraria Común.
Temor á perda de apoios na nova PAC
Con todo, igual que sucede en Galicia, as explotacións de vacún de leite en Portugal poderían verse claramente prexudicadas no pago das axudas por hectárea da nova PAC, especialmente aquelas máis intensivas e con pouca base territorial.
Así, segundo advirte un estudo da Católica Porto Business School, “o cambio nas axudas aos produtores de leite poderían retirarlles ata un 70% das axudas actuais para finais do ano 2026”.
Segundo estimacións da Federação Nacional das Cooperativas de Produtores de Leite (FENALAC) en base a este estudo, a rexión Norte de Portugal podería ser a máis prexudicada, con municipios cunha importante cabana gandeira como Barcelos, que perdería 12,2 millóns de euros (un 82% menos); Vila do Conde, con 9,2 millóns de euros menos (-83%) ou Póvoa de Varzim, onde caerían as axudas nun 84%, con 3,9 millóns de euros menos.
Neste sentido, o secretario xeral de FENALAC explica que “a raíz do problema é a intención da Comisión Europea de que converxan os pagos aos agricultores, igualando os valores en función do número de hectáreas, un proceso gradual que se espera que comece en 2023 e que para 2026 chega a unha converxencia do 75%”.
Un cambio que prexudicaría ás gandarías de vacún de leite e, en especial, ás que contan con menos base territorial, xa que actualmente se benefician dun pago por hectárea cerca de tres veces superior á media recibida por todas as explotacións agrícolas nacionais, algo que tendería a igualarse.
Neste sentido, Idalino Leão explica que “o problema é que o rendemento dunha hectárea dunha explotación de leite no Entre Douro e Minho, por exemplo, non é igual ao que se produce nunha hectárea doutra rexión calquera. O que está en xogo é unha proposta de redistribución inxusta. Sendo o compoñente dos pagamentos básicos máis relevante, hai que recordar que esas axudas se destinan a dar cartos aos agricultores, produzan ou non. só en función da superficie agrícola da que dispoñen. Polo tanto, o que pode acontecer é que se lle quiten apoios aos que producen para beneficiar a quen queira só manter a terra, privilexiando rexións cunha compoñente produtiva moito máis baixa, como Alentejo e o Interior”.
APROLEP: “A nova PAC debe compensar polos servizos que os gandeiros prestan ao medioambiente”
A Associação dos Produtores de Leite de Portugal (APROLEP) reclámalle ao Goberno e aos diferentes partidos a necesidade de aplicar a nova PAC sobre o terreo, permitindo a supervivencia inmediata dos gandeiros.
Neste sentido, sinala que “o prezo baixo do leite foi mitigado, ao longo dos anos, con axudas da PAC, pero ao final de 2020 fomos alertados por simulacións da evolución das axudas ao rendemento para os próximos anos realizadas por entidades independentes, como a Universidade Católica do Porto ou o profesor Francisco Avilez, que aquntan cara a unha enorme redución das axudas anuais á produción de leite”.
A maiores, destacan que “o Ministerio de Agricultura fixo referencias a mitigar esa redución cun axuste dos pagamentos ligados e a introdución de ecoesquemas, cun obxectivo de pagar a contribución da agricultura e da produción de leite á loita contra o cambio climático e á preservación do medio e da biodiversidade, pero a dicir verdade, as simulacións máis optimistas do propio Ministerio indican perdas brutais nas axudas ao rendemento dos produtores de leite”.
APROLEP considera que as axudas ao investimento deben contribuír a unha produción máis eficiente, sostible e adaptada ás necesidades do mercado, pero deben tamén ser pagados a través da PAC os servizos ambientais que os agricultores prestan, expresamente a fixación de carbono e todas as contribucións para a mitigación do cambio climático.