As axudas da PAC e o sector lácteo na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal

Analizamos a evolución do sector lácteo na Euroregión Galicia-Norte de Portugal e a importancia das axudas da PAC no seu desenvolvemento

A Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal comparte moitas similitudes, tamén na súa importante especialización na produción de leite de vaca. Neste sentido, desde a súa entrada na Unión Europea e desde a implantación das axudas da PAC as dúas rexións experimentaron unha evolución moi parecida en incremento da eficiencia nas gandarías de vacún de leite, grazas en boa medida á modernización das explotacións que posibilitaron as axudas comunitarias.

No caso de Galicia o sector lácteo é o principal motor económico do rural galego. No 2021 a comunidade seguiu incrementado a súa produción nun 3,44% até rozar os 3 millóns de toneladas de leite de vaca producidas, o que representa o 40% da produción de toda España e consolídaa como a novena rexión produtora da Unión Europea. Cun prezo medio de 0,33 euros o litro, soamente pola venda de leite en orixe o sector lácteo facturou uns 1000 millóns de euros o pasado ano.

Este incremento da produción e da eficiencia da produción láctea galega, especialmente acusado tralo fin das cotas lácteas no ano 2015, veu acompañado por unha profunda reestruturación do sector produtor.

Así, segundo os datos do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) e do Ministerio de Agricultura, o número de granxas con vacas de leite en Galicia pasou de preto de 100.000 no momento da incorporación de España á entón Comunidade Económica Europea (CEE) no ano 1986 a unhas 28700 no ano 1997 e a soamente 6361 explotacións con entregas de leite en xaneiro deste 2022.

Porén, a produción láctea en Galicia multiplicouse neste período: dos aproximadamente 1,3 millóns de toneladas que producía a comunidade nos anos 80 pasou a 1,9 millóns de toneladas en 1994, a 2,6 antes da liberalización das cotas lácteas en 2015 e a case 3 millóns o pasado 2021.

Todo este incremento fíxose grazas a unha mellora da eficiencia do sector produtor: menos explotacións pero de maior tamaño e con vacas máis eficientes. Sirva como exemplo, que segundo o informe “Estrutura do sector vacún leiteiro de España: 2016-2020”, elaborado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Galicia foi a comunidade que máis aumentou a súa produción media por vaca nos últimos anos. En concreto, un 11% máis que en 2016 até situarse en 2020 nos 8804 quilos por animal e lactación, mentres que no conxunto de España en 2020 a media foi de 8.881 kg/vaca, cunha subia do 7%. Paralelamente o tamaño medio das granxas en Galicia tamén aumentou até unha media de 45 vacas en muxido, aínda lonxe das 64 da granxa media española.

O sector lácteo no Norte de Portugal

Do mesmo xeito que ocorre en Galicia, o sector lácteo é, xunto co vitivinícola, o principal motor económico do sector primario na rexión Norte de Portugal.

Así, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística portugués en 2021 había 7860 gandarías de vacún de leite, ocupando o primeiro posto as illas Azores, con 3542 granxas e 206.174 vacas de leite e en Portugal continental a rexión máis especializada na produción láctea é o Norte, con 2355 explotacións e 176.452 animais, seguida por Alentejo, con 494 granxas e 116.627 animais.

Do mesmo xeito que sucedeu en Galicia durante as últimas décadas o sector produtor experimentou unha profunda reestruturación: desde 1989, segundo os datos do INE desapareceron case 100000 explotacións e o número de vacas de leite tamén experimentou unha caída de máis de 140.000 animais.

Con todo, ao mesmo tempo a produción de leite en Portugal duplicouse, pasando das 970.000 toneladas de 1980 a algo máis de 2 millóns de toneladas producidas o pasado 2021. Como tamén aconteceu en Galicia, esta reestruturación foi acompañada dun incremento do tamaño das granxas (de 4 vacas de media en 1989 a 34 en 2013) e tamén dun notable incremento do rendemento por vaca.

Para lograr esta mellora da eficiencia foi clave a modernización das explotacións lácteas na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, coa construción de establos que permitiron un maior benestar animal, salas de muxido que melloraron a rapidez do proceso ou maquinaria agrícola que axudou a un mellor aproveitamento da superficie agrícola para cultivo de forraxes. E esta enorme inversión realizada contou en moitos casos coas axudas da Política Agrícola Común.

Evolución das axudas da PAC ao sector lácteo

Tal e como destaca o investigador Diego Conde no seu estudo “O sector lácteo en Galicia: dinámica recente e perspectivas nun mercado liberalizado” , o sector lácteo é un exemplo de como a PAC foise adaptando á evolución do sector, pasando de forte intervencionismo na década dos 80 e 90 para fomentar a produción láctea na Unión Europea e garantir uns prezos que cubrisen os custos de produción ás gandarías, a unha progresiva liberalización do mercado.

No que se refire ao sector lácteo, a reforma da PAC de 2003 iniciou o camiño cara á eliminación do sistema de cotas introducido en 1984, e aprobou ademais unha forte redución dos prezos de intervención do leite en po e a manteiga; pondo así en marcha a progresiva liberalización do mercado lácteo na UE (López, et alii 2004). Este camiño foi posteriormente confirmado polo chamado Exame de saúde da PAC aprobado a finais de 2008, onde se acordou un incremento progresivo da cota láctea asignada a cada Estado no período 2009-2013, como aterraxe suave para a eliminación das cotas a finais da campaña 2014-2015”, explica Diego Conde no seu traballo. A PAC 2016-2020 caracterizouse, por tanto, pola liberalización da produción na UE, manténdose soamente como rede de seguridade a compra por parte da administración pública de produtos lácteos como medida de intervención en situacións de crises de pecios, como sucedeu nos anos 2015 e 2016.

En canto ás axudas ás explotacións a nova PAC 2023-2027 consolida a supresión do pago único ás granxas, xa aplicado na anterior reforma da PAC, de forma que as axudas directas se substitúen por diferentes tipos de pagos, cada vez máis condicionados a prácticas respectuosas co medioambiente e que contribúan á redución de emisións de CO2 e doutros gases contaminantes. Ademais, iníciase unha tendencia á igualación das axudas por hectárea, fomentando unha extensificación da gandaría.

Neste sentido, as explotacións de vacún de leite da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal poden verse claramente prexudicadas á hora de recibir axudas da PAC, especialmente aquelas máis intensivas e que contan con menos base territorial.

Javier Iglesias (Unións Agrarias): “A PAC foi transcendental para o desenvolvemento do sector lácteo galego”

As explotacións de vacún de leite de Galicia reciben cada ano ao redor de 170 millóns de euros en axudas da Política Agracia Común (PAC), unha achega que en palabras de Javier Iglesias, responsable de Política Agraria de Unións Agrarias, “foi transcendental para o desenvolvemento do sector lácteo galego”.

O gran investimento en plans de mellora para a modernización das granxas foi posible en gran medida grazas ao diñeiro da PAC que chega a cubrir até o 50% do investimento”, destaca.

En todo caso, recoñece que “é certo que houbo efectos negativos posto que o sistema de cotas limitou a produción até o 2015, impedindo que moitas granxas galegas puidesen medrar, e obrigándoas a comprar cota para poder facelo”.

En todo caso -engade- unha vez eliminadas as cotas creo que todos as botamos de menos porque mantiñan o prezo do leite no campo”. Con respecto á forte perda de explotacións, Javier Iglesias atribúeo máis “á falta de base territorial e de ordenación da mesma, que fai que o custo de alimentación sexa máis elevado e limita o crecemento das granxas”.

 

Artígo publicado orixinalmente en Campo Galego.

Share on facebook
Share on twitter
Share on whatsapp
Share on linkedin
Share on email